Friday 10 de May de 2024

O Concello recibe os grupos do Festival de Folclore Internacional


 

A concelleira de Festas, Diana Cabanas, destaca a oportunidade que a cita ofrece estes días para achegarse a outras culturas e costumes non tan accesibles

A concelleira de Festas, Diana Cabanas, recibiu esta mañá xunto co concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, os grupos participantes no Festival de Folclore Internacional: o Gran Ballet Argentino, Hei Show Tamure, Sama Ballet e a Asociación de Coros e Danzas “Eidos”. Foi nun acto no salón de plenos, onde a edil destacou o sorriso perenne das e dos integrantes das distintas formacións cada vez que lles toca saír a actuar: “Transmitides moita felicidade”. Tamén remarcou o feito de viren desde tan lonxe e facer que o público desfrute da cor dos seus traxes e costumes, dese patrimonio cultural intanxible que cómpre preservar “para empaparnos os uns das riquezas dos outros”.

Cabanas deulles as grazas pola homenaxe que lle fixeron onte ao compañeiro do concello que faleceu este ano, Fernando Amaro, e o presidente de Eidos, Javier Carro, incidiu na calidade da cita ao formar parte do CIOFF (Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folklore e das Artes Tradicionais), que supón un aval para as agrupacións e o público. Nesta edición, este poderá gozar da súa posta en escena na praza de Pablo Iglesias, hoxe ás 20.00 horas, e no Parrote, mañá e o sábado á mesma hora, para despedir o evento o domingo cun desfile desde o Obelisco ata O Parrote, ás 19.00 horas, que culminará cunha actuación conxunta, ás 20.00 horas.

Carro recalcou que a intención desde Eidos é que os grupos pasen unha estancia o máis agradable posible na cidade, “que vos sintades coma uns de nós” e falou da

importancia das persoas que se ofrecen voluntarias todos os anos para que o festival saia adiante.